AS EXPORTACIÓNS DAS EMPRESAS GALEGAS A ALEMAÑA INCREMENTÁRONSE NUN 42% EN 2016

O director xeral do Igape, Juan Cividanes, salientou hoxe en Santiago na clausura dunha xornada empresarial centrada nas oportunidades comerciais en Alemaña que as exportacións das empresas galegas a ese mercado medraron nun 42% o pasado ano, ata superar os 1.400 millóns de euros.

Durante a súa intervención no encontro organizado pola Cámara de Comercio de Santiago coa colaboración da compañía aérea Lufthansa, Juan Cividanes lembrou que son numerosas as empresas
alemás que operan en Galicia e salientou o potencial da comunidade autónoma para acoller novos investimentos industriais. Neste sentido, referiuse á próxima posta en marcha da Lei de fomento da implantación empresarial para axilizar os trámites neste eido.

Cividanes salientou que os novos enlaces aéreos de Galicia con Alemaña son de especial interese tanto para que as empresas galegas conten con facilidades para explorar novas oportunidades de negocio no mercado alemán como para que os empresarios alemáns coñezan mellor as oportunidades de investimento industrial que ofrece Galicia para a implantación de novas compañías.

Destacou que preto de 500 empresas galegas de empresas de sectores como automoción, téxtil, calzado ou pizarra veñen exportando de forma regular, durante o último trienio, a Alemaña. E subliñou que a Consellería de Economía, Emprego e Industria activou, a través dos programas Galicia Exporta e Xestores, axudas dotadas con 8 millóns de euros para facilitar a internacionalización de varios centos de empresas.

O director do Igape salientou a cooperación como activo de especial importancia para asegurar os avances nas exportacións dun maior número de empresas, a través de iniciativas colectivas coordinadas por organismos intermedios ou, no caso do programa Foexga, polas Cámaras de Comercio, que impulsan, contando co apoio do Igape, corenta misións internacionais durante o primeiro semestre deste ano.

O intenso labor das empresas galegas, que contan co apoio da Xunta ao abeiro da Estratexia de internacionalización da empresa galega, tradúcese no crecemento das exportacións galegas, que en 2016 marcaron un máximo histórico ao superar por primeira vez os 20.000 millóns de euros e que seguen a medrar este ano, rexistrando un incremento do 12,7% en xaneiro con respecto ao mesmo mes do ano anterior.

info

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.